jueves, 28 de mayo de 2015

Un novo Triceratops

Os ceratópsidos son dinosauros con cornos, entre os que se encontra o famoso Triceratops, cuxa diversidade, tanto en especies coma na forma dos seus cranios, se incrementa continuamente.
Divídense en dous grupos que conteñen dinosauros cunha variación nas estruturas de ornamentación dos seus cranios. Os grupos son:
  • Centrosaurinos: posúen un gran corno nasal na parte anterior do cranio e estruturas óseas pegadas ao bordo posterior da súa coiraza cranial.
  • Casmosaurinos: teñen máis grande o par de cornos situados tras os ollos e unha coiraza cranial alongada (como o Triceratops).














Este esquema acábao de trastornar o estudo dun cranio case completo, de máis dun metro e medio de lonxitude, encontrado a uns 160 km ao sur de Calgary (Alberta, Canadá) en sedimentos dunha antigüidade en torno a 68 millóns de anos (Cretácico Superior).
O corno anterior ou nasal está moi ben desenvolvido (é o máis grande do seu grupo o dos Triceratopsini con relación ao tamaño do cranio), mentres que os cornos postorbitais son pequenos (os menores dentro do seu grupo); ademais o bordo posterior está festonado por numerosas placas óseas que contribúen a dotar dunha maior envergadura á coiraza cranial. É dicir, este exemplar decasmosaurino mostra os trazos propios dos cranios do outro grupo de ceratópsidos, o dos centrosaurinos.
Os investigadores Caleb M. Brown e Donald M. Henderson (Royal Tyrrell Museum of Palaeontology, Drumheller) déronlle o nome de Regaliceratops, que quere decir: cara con cornos regios.

No hay comentarios:

Publicar un comentario